O Consello da Xunta concede á Editorial Galaxia a Medalla de Ouro de Galiza

Ξ xullo 8th, 2008 | → 1 Comments | ∇ Sen clasificar, xeral |

editorial galaxia’É unha honra recibir o galardón máximo que outorga o goberno galego’, afirma Freixanes.
A Xunta de Galiza outorgará o próximo 25 de xullo, a Medalla de Ouro de Galicia á Editorial Galaxia, en recoñecemento á súa contribución á cultura galega e polo seu labor na defensa dos intereses da comunidade. A decisión foi tomada onte polo Consello da Xunta. O Presidente de Galicia, Emilio Pérez Touriño, salientou a traxectoria da editorial nestes 57 anos de vida tan activa.

Víctor Freixanes, presidente da Editorial Galaxia, afirma recibir a noticia con gran satisfacción. Interprétaa coma un recoñecemento en perspectiva a un proxecto que non pertence só a unha editorial, senón que é da sociedade civil galega; xa que en palabras de Freixanes ’non se pode entender a historia de Galiza desde os anos 50 sen a existencia de Galaxia’. Asimesmo, tamén toma o galardón como unha responsabilidade de Galaxia co futuro, pois unha editorial é unha entidade que xestiona e difunde coñecemento , neste caso o da cultura galega, e non unicamente unha empresa que vende libros. Neste sentido, e tras a decisión do Consello da Xunta, o Presidente Touriño tamén resaltou o compromiso coa recuperación da lingua galega e coas liberdades por parte da editorial.
Entre os novos retos de futuro que a editorial afrontará a curto prazo, atópase o convenio que asinaron con google, co que se publicarán mundialmente en formato dixital todos os fondos históricos que ten a editorial. Víctor Freixanes asegura que se respetan os dereitos de autor e que se cumpre coa lei, xa que tanto Galaxia coma os autores son quen teñen que autorizar a publicación en internet. O acceso aos libros dixitalizados será ben de balde, ben previo un pequeno pago por parte do internauta. Google só facilita a plataforma, e non quedará con beneficios económicos. Freixanes espera que este proxecto sexa unha realidade a comezos do próximo curso.
’A editorial naceu pegada ao discurso da letra impresa, pero hoxe apostamos polas novas tecnoloxías’ afirma o presidente de Galaxia, polo que tamén están a impulsar Merlín Comunicación, unha especialización da empresa que se dedicará a impulsar e editar material multimedia, audiovisuais e a creación de exposicións.
Galaxia recibirá a Medalla de Ouro de Galicia o día 25 de xullo, 57 anos despois da súa fundación, e con case 2.500 volumes editados e un catálogo vivo dun millar de títulos. Tamén promoveu un importante número de traducións desde o ano 2000, que superan os 130 exemplares, contribuíndo así a extender o coñecemento da creación cultural galega alén do noso territorio, en castelán, inglés…

 

un saúdo para toda a xente

Ξ marzo 17th, 2008 | → 0 Comments | ∇ Sen clasificar |

Ola! con saúde para tod@s comezo a miña primeira andaina polo mundo dos blogues. Seica é tarde de máis, sobre todo despois de andar a ter myspaces ou fotolog… pero o certo é que botaba de menos un espazo tamén distendido para falar de cousas máis interesantes ca noutros espazos virtuais. No fondo, botaba de menos aportar dende o meu, dende a célula que cada un  supón no vertebrado da sociedade, unha minima intención persoal de ir creando espazos de liberdade (tamén no virtual) para avanzarmos cara as máis de mil reflexións que a xente e tod@s nós desexamos, xente dun país que arela emanciparse no social e no nacional. Agardo que este blog non decaia nesas espectativas e se reflicte nel o que antes apontaba, por suposto coa vosa participación!.

en fin…. hoxe é un dia deses (de moitos) que non se me ocorre nada que dicer (a verdade, penso que falo pouco; pero bue, aí estades os q dicides que falar, falo moito, pero iso, despaciño jeje) así que xa dou por pechada a miña primeira entrada do meu primeiro blog.
saúde e felicidade

….. e cal é o mellor xeito para enviarvos un saúdo? pois eis a peón coa que para min é dos mellores temas, un saúdo pra todo@s!!!