Arquivo para febreiro, 2009

PALESTINA SÓ PODE VENCER


febreiro 10th, 2009

A finais do 2008 Palestina voltou ao centro da actualidade por mor de 22 días en que as bombas israelís caeron de forma continuada e indiscriminada sobre Gaza. Pese a denominación de “guerra” que os medios aplicaron ao conflito, volveuse tratar dunha invasión con carácter xenocida coa que o estado sionista e o seu exército se ensañaron coa poboación civil.

http://farm3.static.flickr.com/2366/1521767522_9c886f86fd.jpg

É frecuente atopar con argumentos como “ambas partes teñen culpa” ou “os israelís teñen que defenderse”. Pero só basta con atender ao desenvolvemento do conflito durante os 22 días para entendermos que esas afirmacións carecen de contido veraz. Por citar exemplos, pódese sinalar o antidemocrático carácter da acción de castigar un pobo polo goberno que elixe en urnas; os bombardeos sobre escolas da ONU, sobre mercados e zonas de refuxio coma túneles, e mesmo inmediacións hospitalarias. Con feitos coma estes sorprende ouvir ao goberno sionista excusarse en que o obxectivo dos ataques son os terroristas agochados. É evidente que os obxectivos son civís, coa finalidade de infundir medo e temor mediante o terrorismo de estado. Israel é importante potencia militar e posee unha alta tecnoloxía capaz de localizar e eliminar unicamente ás persoas que marca coma os seus inimigos, tal e como xa ten realizado en ataques pasados. Cómpre ter este dato presente cando se fala de “vítimas colaterais”.

É alta potencia militar grazas o apoio e as relacións políticas e económicas que o estado de Israel mantén con gran parte de occidente así como con diversos países de oriente, como Turquía.

Neste sentido, o estado español tomou unha postura cómoda á vez que hipócrita. Mentres o goberno roga por unha solución pacífica e dialogada entre as partes, o comercio armamentístico con Israel non se cuestiona. Industrias privadas coma Fabricaciones Extremeñas (pertencente a Explosivos Alaveses)  ou de públicas coma IZAR obteñen altos beneficios do comercio bélico co estado sionista. Cómpre lembrar que España e o resto da Unión Europea están suxeitos ao Código de Conduta de Exportación de Armas da UE. (1998) que insta a non exportar armas a países embargados pola ONU ou outros organismos, ou onde se dean situacións de conflito ou tensión, se violen dereitos humanos ou non se cumpra co dereito internacional humanitario.

Na mesma liña, pódese lembrar  que Israel pechou as fronteiras do territorio de Gaza impedindo a fuxida de refuxiados, mantén un embargo diario sobre Palestina e emprega a forza coma xeito de control. Para sumar máis probas de accións de ilegalidade internacional pódese agardar a que se faga público se o estado sionista empregou explosivos con DIMES, uranio e o ilegal fósforo branco. Cos indicios sobre a mesa pódese concluír que os palestinos están a ser tratados coma coellos de indias para a experimentación de armas baixo o consentimento internacional.

As cifras da traxedia

As cifras aparecidas nos medios amosan a indefensión de Palestina, o abuso de forza de Israel e o carácter civil dos obxectivos marcados.

-Vítimas palestinas, segundo servizos hospitalarios en Gaza: 1.205 mortos (410 nenos e menores de 16 anos, 108 mulleres, 113 anciáns, 14 doutores, 4 xornalistas…) e 5.300 feridos.

-Vítimas israelís, segundo servizos hospitalarios de Israel: 13 mortos en combates en Gaza ou alcanzados por cohetes (10 soldados dos que 9 morreron en combate e un foi abatido por un cohete; 3 civís por cohetes) e decenas de feridos.

-Os obxectivos atacados por Israel en Gaza cífranse en 2.500 (4 escolas xestionadas pola ONU, 1 complexo da ONU para os refuxiados, 2 edificios de prensa, 16 centros médicos, 16 ambulancias…).


A recuperación de Gaza prevese lenta e difícil, alén da inminencia de próximos bombardeos e do bloqueo económico que padece. Os desperfectos en Gaza sobrepasan os mil millóns de dólares: destrución de infraestruturas, gastos en limpeza e retiradas de escombros, 4.000 edificios derribados, 16.000 edificios residenciais danados, 1.500 fábricas, tendas e outros edificios comerciais danados; 51 edificos do goberno e policiais derribados (incluído o Parlamento Nacional Palestino), escolas, mesquitas e estradas arrasadas…

O sociedade galega con Palestina

A sociedade galega sempre apoiou a causa Palestina. O tecido asociativo do país, organización sindical, a mocidade galega e as súas asociacións, o ecoloxismo, as asociacións veciñais, a xente das artes e das letras, o mundo do audiovisual do cine, os actores e actrices… amosaron e amosan firmes convincións pola paz e a xustiza para Palestina e o mundo. No plano institucional, cabe resaltar que o Bloque Nacionalista Galego foi a primeira forza política europea que solicitou ao estado en que opera a suspensión de relacións diplomáticas e comerciais con Israel motivado pola última gran agresión; doutras forzas desgrazadamente non se poden louvar posicionamentos claros econsecuentes, alén de puntuais declaracións eleitoralistas.

Un dos nosos principais cometidos, como mocidade galega, considero que debe encadrarse no traballo e esforzo díario para construír un mundo de povos soberanos e solidarios, do mesmo xeito que no combate do imperialismo. De seguro que a mocidade galega seguirá demandando e facendo todo o que está ao seu alcance para conquistar a paz e a liberdade para Palestia, o Iraque, o Kurdistán, Chechenia, o Sahara Occidental…

date