DESMONTANDO A VARGAS LLOSA


Somos verdadeiramente libres de escoller o que queremos consumir?

Hai uns meses que lin un artigo do escritor Mario Vargas Llosa, onde asegura que a excepción cultural e as medidas institucionais dirixidas a protexer e impulsar os cinemas propios merman a liberdade de elección dos cidadáns. Vargas parte de que o intentar potenciar unha cultura está marcado por políticas nacionalistas excluíntes e

pechadas, negadoras de toda diversidade. Camiños de dirixismo cultural, en que se marcaría á xente o que debería consumir, nunha especie de sobreprotección por parte dun estado paternalista que o autor identifica co despotismo ilustrado. Outra das argumentacións que aporta no artigo enmárcase na defensa dun neoliberalismo radical para quen as leis do mercado, da oferta e a demanda, son o único sagrado mandamento.

O “intelectual” peruano non chega comprender que o estado deba protexer a cultura propia e facilitar a todos os cidadáns o acceso a toda a cultura e a todas as culturas.

A liberdade e a liberdade de elección temos que defendela, pero non unicamente a das grandes industrias culturais de estrutura multinacional a producir os filmes que desexen ou que lles conveñan, senón tamén debemos defender a liberdade dos espectadores a poder consumir producións máis pequenas ou independentes que, sen a protección do estado, serían practicamente invisíbeis.

Alén disto, o conflito reduciríase a termos puramente económicos, e é que se as nosas artes foran explotadas con tanto rendemento coma as ianquis non sería necesario subvencionalas nin sobreprotexelas.

Pero Vargas emprega linguaxe para tratar o tema da excepción cultural de forma sutil e pictórica, baixo a que se agocha a idea de considerar a poboación coma inculta, amparándose na súa predisposición a consumir cinema “vulgar y chavacano” coma Vargas afirma, así como que o estado pretende dirixir ás eleccións do público.

O que Vargas Llosa obvia non é que o cinema español non interese, non guste, ou sexa “demasiado culto” para a poboación, senón que hai moitos factores que non o fan economicamnete rentábel e que os medios económicos do cinema son ridículos (tanto financieiros e de preprodución coma publicitarios e de merchandising) comparados co cinema de Hollywood. O exemplo máis disparatado deste caso ilústrao Santiago Segura e a súa peregrinaxe promocionando Torrente a base de colarse coa camiseta dos filmes en todo canto programa de televisión lle daba uns segundos.

Llosa presume de españolista e o neoliberal. Presentouse a presidente do Perú.

De non existir por exemplo a cota de pantalla, os cinemas só expoñerían superproducións de garantido éxito taquilleiro, coartando a liberdade douttros consumidores que quixeran ver outro cinema.

Neste mesmo sentido, o director Trueba ten comentado que as axudas estatais concedidas ás empresas Delphi ou Samsung son precisas para quedar no estado e salvagardar os postos de traballo, pero non ten sentido non facer o mesmo coa industria cultural.

Por outra banda, e para continuar “desmontando” a Vargas Llosa, nin o estado español nin a Consellaría de Cultura de Galiza xulgan que películas son boas ou malas á hora de subvencionar proxectos audiovisuais, senón que potencia (insuficientemente) as posibilidades de facer cine aquí e de poder consumilo.

Pero aínda así, Vargas pretende confudir dicindo que a excepción cultural pretende premiar ás boas creacións e penar ás malas, identificando nos seus exemplos (Dan Brown, Spiderman, Cervantes e La mala educación) o malo co estadounidense e que lle gusta á xente e o bo co español e que só lle gusta ás “élites intelectuais”, afirma.

. Vargas Llosa apunta que as causas das políticas de excepción cultural se deben a unhas actuacións propias de estados chovinistas e populistas; despois de aseverar que a identidade cultural dun país é unha cuestión difusa.

Opina que o proteccionismo nos allearía da riqueza e diversidade cultural ao pór barreiras ao cienema de fóra, coma o ianqui. Pero entón que ocorre co cinema europeo? Non hai nada máis atrevido que a ignorancia, e Mario Vargas Llosa non debe ter idea (ou prefire ocultar) que o cinema francés se está a situar á vangarda da mestizaxe cultural coas últimas producións que leva a cabo con turcos e países árabes. Polo tanto, Francia non nega a diversidade cultural dentro do seu propio país, a pesar de ser o país europeo que máis apoia o seu cine (calquera entrada que se copra en taquilla conleba un imposto engadido dedicado ao cinema galo).

A ditadura comercial de Hollywood

Con isto quero evidenciar a incomprensíbel situación en que nos achamos empapados de Hollywood pero en que non podemos libremente consumir cine francés, CINE EUROPEO, simplemente porque non se atopa ao noso alcance no mercado. Ao non coñecermos o cine europeo non podemos ter capacidade de demanda, é dificil exixir o que non se coñece, e por iso tampouco se vai ofertar, çé por iso que a lei da oferta e da demanda é un circulo vicioso ao favor dos intereses máis mercantís.

“Coñecer para poder elixir”, desta forma a elección si poderá ser libre

Pero o escritor si fai unha afirmación acertada ao sinalar como factor chave a educación. Urxe na nosa sociedade a impartición de nocións básicas de arte e industria audiovisuais propias, europeas e universais, dentro da ensinanza nas escolas. Coñecer para poder elixir, desta forma a elección si poderá ser libre.

Mamasunción: o exemplo audiovisual de ser unha célula da universalidade

Como caso concreto, e na liña do exemplo francés, resalta Mamasunción, de Chano Piñeiro, un filme cen por cento galego, feito en Galiza e no noso iidioma. Propio dunha cultura, dun povo edun tempo determinados.

Hoxe por hoxe, e con tantas producións galegas miméticas das máis comerciais e sen rasgos culturais do país, Mamasunción foi a galega que máis se exhibiu en todo o mundo, sendo premiada até en Australia. Nada máis que por tratar un problema tan propio dun país como a emigración na Galiza, dende a nosa propia óptica e cultura, sendo ao tempo e por isto mesmo, facilmente entendíbel e indentificábel por calquera outro ser humano. O máis nacional é ao tempo o máis internacional.

A esmola das subvencións non chega

As subvencións e axudas económicas para o cinema español non son a solución. Urxe contarmos cos medios necesarios para poder competir coas producións estranxeiras, aínda que as axudas son imprescindíbeis tanto para a consolidación dunha industria cinematográfica galega, estatal e europea, como para facilitar a produción e exhibición no territorio comunitario europeo e favorecer un espazo para os novos credaores e traballadores deste eido onde a Unión Europea pode ser un campo moi rentábel.

2 Responses to “DESMONTANDO A VARGAS LLOSA”

  1. Xabier Pérez Igrexas Says:

    Brillante entrada. Coido que das no clavo, e que desmontas con intelixencia todas as falacias disfrazadas de argumentos dos que sempre se escudan baixo o holograma da “liberdade” para negar a diversidade.

    Parabéns.

  2. Derek Oneil Says:

    z5srfo21m9gdaal2

Leave a Reply