O Consello da Xunta concede á Editorial Galaxia a Medalla de Ouro de Galiza
xullo 8th, 2008
’É unha honra recibir o galardón máximo que outorga o goberno galego’, afirma Freixanes.
A Xunta de Galiza outorgará o próximo 25 de xullo, a Medalla de Ouro de Galicia á Editorial Galaxia, en recoñecemento á súa contribución á cultura galega e polo seu labor na defensa dos intereses da comunidade. A decisión foi tomada onte polo Consello da Xunta. O Presidente de Galicia, Emilio Pérez Touriño, salientou a traxectoria da editorial nestes 57 anos de vida tan activa.
Víctor Freixanes, presidente da Editorial Galaxia, afirma recibir a noticia con gran satisfacción. Interprétaa coma un recoñecemento en perspectiva a un proxecto que non pertence só a unha editorial, senón que é da sociedade civil galega; xa que en palabras de Freixanes ’non se pode entender a historia de Galiza desde os anos 50 sen a existencia de Galaxia’. Asimesmo, tamén toma o galardón como unha responsabilidade de Galaxia co futuro, pois unha editorial é unha entidade que xestiona e difunde coñecemento , neste caso o da cultura galega, e non unicamente unha empresa que vende libros. Neste sentido, e tras a decisión do Consello da Xunta, o Presidente Touriño tamén resaltou o compromiso coa recuperación da lingua galega e coas liberdades por parte da editorial.
Entre os novos retos de futuro que a editorial afrontará a curto prazo, atópase o convenio que asinaron con google, co que se publicarán mundialmente en formato dixital todos os fondos históricos que ten a editorial. Víctor Freixanes asegura que se respetan os dereitos de autor e que se cumpre coa lei, xa que tanto Galaxia coma os autores son quen teñen que autorizar a publicación en internet. O acceso aos libros dixitalizados será ben de balde, ben previo un pequeno pago por parte do internauta. Google só facilita a plataforma, e non quedará con beneficios económicos. Freixanes espera que este proxecto sexa unha realidade a comezos do próximo curso.
’A editorial naceu pegada ao discurso da letra impresa, pero hoxe apostamos polas novas tecnoloxías’ afirma o presidente de Galaxia, polo que tamén están a impulsar Merlín Comunicación, unha especialización da empresa que se dedicará a impulsar e editar material multimedia, audiovisuais e a creación de exposicións.
Galaxia recibirá a Medalla de Ouro de Galicia o día 25 de xullo, 57 anos despois da súa fundación, e con case 2.500 volumes editados e un catálogo vivo dun millar de títulos. Tamén promoveu un importante número de traducións desde o ano 2000, que superan os 130 exemplares, contribuíndo así a extender o coñecemento da creación cultural galega alén do noso territorio, en castelán, inglés…
















