BLOGUES POLA LINGUA

Ξ maio 16th, 2008 | → | ∇ xeral |

Manifesto “Na defensa do noso idioma”

As persoas asinantes da presente declaración, somos autoras e autores de blogues galegos, que suscribimos voluntaria e libremente esta iniciativa e que publicamente MANIFESTAMOS:

  1. O noso completo e activo compromiso coa lingua galega, como principal alicerce da nosa identidade colectiva como pobo así como a nosa preocupación perante a situación que esta vive na actualidade.
  2. Entendemos a Rede como unha canle con importantes potencialidades para a expansión en usos do noso idioma que deben ser aproveitadas, e avogamos porque o galego sexa tamén a lingua vehicular das/os galegas/os en Internet. Apoiamos tamén a reivindicación dun dominio propio en internet para Galiza.
  3. Expresamos o noso total rexeitamento perante todo ataque contra o galego, independentemente de quen proveña, e particularmente no caso de entidades que declarándose defensoras dun presunto, mais falaz, bilingüísmo incorren en ser de facto unha manifestación do auto-odio.
  4. Reclamamos o noso dereito a vivir con completa normalidade na lingua que é propia de Galiza, tendo garantido plenamente o noso dereito a empregala en todos os eidos da nosa vida.
  5. Adherímonos colectivamente ao manifesto “Polo dereito a vivirmos en galego” d’A Mesa pola Normalización Lingüística.
  6. Chamamos á cidadanía galega, especialmente á mocidade, a participar na manifestación nacional en defensa do noso idioma, que baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego” convoca A Mesa pola Normalización Lingüística, e que terá lugar o vindeiro domingo 18 de maio, na cidade de Compostela, e que partirá ás 12h da Alameda.

Galiza, maio de 2008.

 

Leave a reply